Sunday 05 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño convida a veciñanza a participar no Chanfaina Lab


O encontro audiovisual desenvolverase do 1 ao 3 de setembro

 

O encontro audiovisual Chanfaina Lab xa ten datas de celebración. Volverá ser, coma sempre, na primeira fin de semana de setembro cando se reúnan en San Sadurniño creadoras e creadores co obxectivo de pensar e filmar unha curtametraxe en escasos dous días. Todo un reto para persoas chegadas de fóra e tamén para aquelas do municipio que decidan sumarse ao proxecto colaborando na loxística da cita, axudándolles ás cineastas visitantes ou animándose a producir as súas propias pezas. O programa completo do Chanfaina darase a coñecer, previsiblemente, a principios de agosto. Porén, quen queira participar no encontro pode ir apuntándose chamando ao teléfono 697 274 675.

O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio de San Sadurniño a través da mirada da creación audiovisual galega. A idea é sinxela: gravar na fin de semana do 1 ao 3 de setembro unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual, e coa única condición de que a filmación se leve a cabo sen saír das fronteiras do noso concello.

O encontro deste ano arrancará no serán do venres 1 de setembro ás 20:00h coa Eira de Cineastas, na que os e as participantes convidadas desta edición fan unha pequena presentación do seu traballo, así co das intencións narrativas coas que se achegarán á realidade local. Porén, unha hora antes inaugurarase a exposición dedicada ao fotógrafo e documentalista José Gil, pioneiro do cinema galego.

A mostra, baseada nos estudos sobre a súa figura efectuados polo profesor Manolo González, chegará a San Sadurniño dentro dunha réplica do camión co que Gil percorreu Galicia no primeiro cuarto do século XX filmando e exhibindo as súas películas.

O sábado 2 de setembro, día en que os equipos se centrarán na produción das súas curtas, o programa recolle unha charla na Casa da Cultura sobre a figura de Alice Guy-Blaché, considerada a primeira muller que produciu unha película de ficción. Pola tarde, a partir das 20:30h, proxectaranse tamén no auditorio municipal os “Clásicos Chanfaina Lab, A natureza salvaxe de San Sadurniño”, que repasa títulos de anteriores edicións.

O domingo 3 de setembro, último día de filmación, as actividades paralelas volven mirar a José Gil, con visitas guiadas ao camión-exposición entre as 10:00 e as 12:00h e un concerto de homenaxe ao cineasta pontevedrés que terá lugar no adro do Convento do Rosario a partir das 13:00h ofrecido pola Banda de música de Cedeira.

Participa no Chanfaina!
Os nomes convidados, os obradoiros formativos programados e o deseño do cartel anunciador da presente edición do Chanfaina daranse a coñecer a primeiros de agosto.

O eixo principal continuará sendo o da gravación en tempo récord de pequenas pezas ao respecto de San Sadurniño -a paisaxe, a xente, a historia, etc.-, abrindo o encontro audiovisual a todas as persoas que queiran participar facendo unha peza ou implicándose de calquera maneira nas microproducións que se poñan en marcha durante a fin de semana. Así, calquera pode colaborar na localización de escenarios, axudando nas tarefas de produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das historias que xurdan.

Para sumarse ao proxecto non fai falla experiencia previa nin tampouco hai límite de idade. Quen se anime só ten que chamar ao 697 274 675 ou enviar unha mensaxe a través das súas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram.